A orixe da "caldeirada" provén da que facían os mariñeiros no mesmo barco cando pescaban. O peixe cocíase en caldeiros metálicos, de aí o nome de "caldeirada" e facíase co peixe que non ía destinado á venda. Esta "caldeirada" que se facía nos barcos ou no porto pasou a facerse nas cociñas, posteriormente, con peixe branco, como neste caso é o abadexo. O abadexo é un peixe branco, considerado como magro, polo seu mínimo contido en graxas. É rico en vitaminas A, D e B12 que se atopan sobre todo no seu fígado. Contén proteínas de calidade e graxas insaturadas do tipo omega 3 que protexen o corazón e preveñen de ataques cardíacos e de trombose cerebral.