Este xeito típico galego de preparar o peixe, denominado caldeirada, ten a súa orixe nos barcos mariñeiros. Acompañaban o peixe de ingredientes que tiñan na adega do barco como aceite, patacas, allos, cebolas, loureiro e pemento. Todos eles de doada conservación. A pescada presenta un contido graxo baixo e contén ácidos graxos omega 3 polo que se lle atribúen propiedades cardiosaudables. Polo seu baixo contido calorífico é adecuada para incluír en dietas de adelgazamento. En canto aos minerais que contén, destacan o fósforo que é responsable do mantemento de ósos e dentes e aumenta a resistencia física; o magnesio que axuda a persoas que sofren estrés e depresión e o iodo, que regula o funcionamento da hormona tiroidea.