Este é unha sobremesa típica do Carnaval que se caracteriza porque se utiliza a vexiga do porco ou tamén as tripas grosas, a xeito de recipiente, onde se cocen os ingredientes. Actualmente faise en moldes se non se teñen estas partes do porco. É típico principalmente da provincia de Pontevedra, máis concretamente na zona do Morrazo, illa de Ons, terras do Ulla e na zona de Sober, en Lugo. Na provincia de Ourense tamén se elabora o bandullo pero, neste caso, non é unha sobremesa senón un embutido. Faise coa tripa do estómago do porco que se enche sobre todo con costelas, espiñazo e rabo de porco, logo déixase curar. É posible que a súa orixe fose a necesidade de conservar aquelas partes do porco que non se podían consumir de inmediato e este embutido é outra forma máis de conservación da carne do porco.