Como o seu propio nome indica, esta torta ten a súa orixe en Santiago de Compostela. O ingrediente principal desta torta é a améndoa moída. Hai constancia da súa existencia no século XVI e entón chamábase torta real. A característica cruz que a adorna na súa superficie é moi posterior. Na primeira metade do século XX, a compostelá Casa Mora comeza a adornala con esta cruz. A súa compoñente principal, a améndoa, é un froito seco moi recomendable debido ao seu gran contido en proteínas. Tamén é rico en graxas, a maior parte delas insaturadas que nos axudan a manter controlados os niveis de colesterol. Ten un alto valor enerxético polo que as persoas obesas ou aquelas que estean a seguir unha dieta de control de peso deben ter especial coidado.