Novas

O pasado xoves, recibimos na nosa tenda de Aquié Fleming, en Ourense, ao alumnado do curso de Xestión do Pequeno Comercio, de Academia Postal. A súa visita formaba parte da unidade de Dinamización do Punto de Venda, onde aprenden sobre merchandising, distribución do mobiliario, señalética e estratexias para mellorar a experiencia de compra dos clientes. E que lugar mellor para descubrir toda a aplicación práctica desta teoría que nun dos nosos súper Aquié?

Durante a visita, Mari Lamelas, supervisora dos supermercados de Galicia de Grupo Cuevas, e Silvia, encargada de tenda, guiaron ao grupo explicando a disposición das seccións, o percorrido do cliente e o valor diferencial dos supermercados Aquié no momento da súa inauguración en 2008. De feito, en 2009, esta liña de supermercados foi nomeada aos premios World Retail Awards 09 dentro da categoría de Innovación na distribución, como unha das seis tendas máis innovadoras do mundo, e a máis destacada de España.

O alumnado mostrou especial interese polos aspectos digitalizadores da tenda, como as etiquetas dixitais, e as vantaxes para todo o equipo de tenda que supuxo a súa implantación en termos de axilidade na actualización dos prezos; tamén destacaron a amplitude dos corredores, a distribución dos produtos e as cabeceiras redondas tan características dos nosos supermercados Aquié.

Estas visitas achégannos un gran valor desde múltiples perspectivas. Por unha banda, permítennos compartir o noso coñecemento e contribuír á formación de futuros profesionais do sector, reforzando o noso compromiso co desenvolvemento do comercio de proximidade. E por outro, supoñen unha oportunidade para analizar e reflexionar sobre os nosos propios procesos a partir das súas observacións e preguntas, ofrecéndonos unha visión fresca e obxectiva.

Ao finalizar a súa visita, o que máis destacaron foi a calidez e proximidade de todo o equipo de tenda na atención ao cliente, o deseño estratéxico do espazo para optimizar a experiencia de compra e a identidade visual de Aquié, marcada por cores vivas e unha disposición innovadora.